A Coluna Sanfins

En xullo de 1936, un numeroso grupo de traballadores e traballadoras das minas de Sanfins, situadas na freguesía de Vila Cova, en Lousame, foron protagonistas da resistencia ao golpe militar fascista na provincia da Coruña. Desde as minas do val de Sanfins trasladáronse a Noia, despois a Compostela, máis tarde a Ordes e finalmente á Coruña, tentando facer fronte aos militares golpistas. En combate con tropas regulares con armamento e preparación militar, os sindicalistas da CNT de Sanfins só contaban coa dinamita que usaban no seu traballo de mineiros e, malia todo, foron quen de manter os militares acuartelados en Compostela ao seu paso pola cidade e manter a resistencia por varios días e recuperar parte da cidade da Coruña nos combates polas rúas. Unha vez derrotados, boa parte deles cubriron a retaguarda das evacuacións por mar en Muros e aínda formaron parte das iniciativas de resistencia aos militares alzados, tanto nas tropas milicianas (é o caso dos célebres “Batallón Galicia” e “Batallón Celta”) como máis tarde nas organizacións clandestinas e na guerrilla antifranquista.

A resultas do seu combate, moitas das integrantes da Coluna Sanfins e do movemento libertario de Lousame e da súa comarca foron asasinados, padeceron o cárcere, a represión e a persecución, mais parécenos moi importante esquecer en certa medida o seu carácter de vítimas para chamar a atención sobre o seu elevado exemplo de rebeldía e reivindicación.

Non desexamos lembrarnos do pasado para doernos dos padecementos das persoas que sufriron a represión franquista, senón para remarcar os ideais e os combates que fixeron deles homes e mulleres perseguidas. Para erguer tamén a súa memoria como exemplo das posibilidades do traballo mancomunado de homes e mulleres a prol dunha nova organización social, sen amos nin escravos, sen pastores nin rabaños.

A memoria da Coluna Sanfins é tamén a memoria das xentes de Lousame, Noia, Compostela, Ordes, Coruña e de toda a Galiza, que participaron na resistencia ao golpe militar: mineiros da Pontenova e Viveiro, carrilanos de Verín e A Gudiña, traballadores pesqueiros de todo o litoral, o operariado organizado de Ferrol, Vigo, Lugo, Monforte, Vilagarcía ou Tui, e as labregas e labregos rebeldes de todo o país. Vaia este texto como unha primeira pedra no esforzo por recuperar a súa historia e a súa memoria, como base para o traballo de reedificar unha cultura reivindicativa e libertaria na nosa terra.

Anúncios

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão / Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão / Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão / Alterar )

Google+ photo

Está a comentar usando a sua conta Google+ Terminar Sessão / Alterar )

Connecting to %s